Friday 26 de April de 2024

A rapazada de Moeche estrea este sábado o seu circuíto de educación viaria


Logo dun ano cheo de traballo no deseño, planificación e pintado, chegou a hora de que a cativería de Moeche estree o seu novo circuíto de educación viaria. Será este sábado a partir das 12:00h nun pequeno acto de presentación ao que están convidadas todas aquelas persoas e entidades que colaboraron no proxecto dun xeito ou doutro. Un convite que tamén se estende ao resto da veciñanza que queira achegarse coñecer o trazado debuxado ao carón da Nave do Mercado.

O circuíto foi unha idea feita realidade a raíz das propostas recollidas no Consello Local da Infancia e a Adolescencia, o órgano co que se dotou o Concello de Moeche para dárlle voz e participación activa ás xeracións máis novas no deseño das políticas municipais, ben sexa as que lle afectan a todo o municipio ou aquelas dirixidas principalmente a este sector da poboación.

Alén da sinalización horizontal e vertical, o Circuíto Modestino -ese é o nome elixido polos pequenos, que tamén deseñaron o logo- dispón de cascos, chalecos reflectores e un par de karts de pedais mercados polo Concello para completar a experiencia neste novo equipamento, pensado como espazo de lecer e lugar para a concienciación das nenas e nenos como peóns responsables e futuras condutoras seguras.

O convite lanzado polo CLIA e o Concello tamén anima a que este sábado todo o mundo leve os seus vehículos sen motor: patinetes, bicicletas, triciclos, patíns, monopatíns… para simular na pista -respectando os sinais- moitas das situacións que se poden dar na vida real.
Ademais de rotondas, sinais de stop, cedas, rectas e curvas, o recinto tamén dispón de diferentes zonas de xogos como a comba, o twister, a mariola e ata unha zona de lectura ao aire libre.

Pola tarde, Alxibeira na Área recreativa de Soutogrande
A Asociación Veciñal Val de Moeche, coa colaboración do Concello e a Deputación da Coruña, programou para a tarde deste sábado a actuación da agrupación tradicional Alxibeira de Narón. Para asistir é necesario inscrición previa mandando un whatsapp ou chamando ao 622 916 160 indicando o nome e apelidos, o dni e o teléfono de contacto, xa que o aforo é limitado e cumprirá levar rexistro da asistencia. A cita comezará ás 18:00h.

E o domingo, última xeorruta do Toelo deste verán
Con esta visita guiada -a última da programación do verán- poderá coñecerse de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia, as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta, que inclúe a entrada no castelo medieval. O itinerario comezará precisamente no Castelo ás 10:00h para encamiñarse logo ao monte da Caleira. Ao peche das inscricións confirmaran a súa asistencia un total de 15 persoas.